[NÓS DIARIO] O Papa Francisco: «Quizais os ladridos da OTAN ás portas de Rusia levaron Putin a desencadear o conflito»

Comparte este artículo:

[NÓS DIARIO] O Papa Francisco: «Quizais os ladridos da OTAN ás portas de Rusia levaron Putin a desencadear o conflito»

O máximo representante da Igrexa católica subliña que «para que haxa paz non abonda a vontade» e pide un encontro con Vladimir Putin en Moscova: «Debemos deter tanta brutalidade».

«Quizais os ladridos da OTAN ás portas de Rusia levaron [o presidente, Vladimir Putin] a reaccionar mal e desencadear un conflito». Nestes termos pronunciouse esta terza feira o Papa Francisco Bergoglio, nunha entrevista concedida ao xornal italiano Corriere della Sera.

A ollos do Papa, esa «ira» de Putin tería sido consecuencia, cando menos en parte, dos movementos estratéxicos da organización militar en Europa: «Non sei se [a ira] foi provocada, mais facilitada seica si».

A respecto do envío de armamento ofensivo a Ucraína, Bergoglio amosa tamén certas reticencias: «Non podo responder á pregunta de se é correcto abastecer os ucraínos. O que está claro é que se están a probar armas nesa terra. Os rusos agora saben que os tanques serven de pouco e están pensando noutras cousas. As guerras líbranse para isto: para probar as armas que producimos».

Este foi o caso, segundo o Papa, da Guerra Civil española como paso previo ao estoupido da Segunda Guerra Mundial. «O comercio de armas é un escándalo, poucos se opoñen. Hai dous ou tres anos chegou a Xénova (Italia) un barco cargado de armas que houbo que trasladar a un gran cargueiro para transportalas ao Iemen. Os traballadores do porto non querían facelo. Dixeron: ‘Pensemos nos nenos do Iemen’. É un xesto pequeno, mais un bonito xesto. Debería haber máis casos así», precisou.

A respecto dunha posíbel visita a Kíiv, o Papa defendeu que xa viaxaron alí dous cardeais da Igrexa católica e que a el, polo de agora, non lle corresponde ir: «Primeiro teño que ir a Moscova para reunirme con Putin. Mais eu tamén son un sacerdote, que podería facer? Fago o que podo. Se Putin abrise a porta…».

Con todo, Francisco Bergoglio afirmou que o primeiro día de guerra chamou o presidente Volodimir Zelenski, mais non a Putin. «Chameino en decembro, polo meu aniversario, mais desta volta non».

Si falou, pola contra, co embaixador ruso en Italia para instar o Kremlin a «deter» a invasión de Ucraína. Posteriormente fíxolle chegar a Putin, a través do cardeal Pietro Parolin, que estaba disposto a viaxar a Moscova e sentar a falar con el. «Porén, Putin non pode e non quere ter esta reunión agora. Mais tanta brutalidade… como non detela? Hai 25 anos vivimos o mesmo con Ruanda», manifestou.

Bergoglio conclúe a súa intervención sobre a guerra cunha frase contundente: «Para a paz non abonda con ter vontade, a guerra é terríbel e debemos berralo».

NÓS DIARIO: O Papa Francisco: «Quizais os ladridos da OTAN ás portas de Rusia levaron Putin a desencadear o conflito» (nosdiario.gal)

Comparte este artículo: